Ribadeo acollerá a celebración dun obradoiro de técnica Alexander

A asociación cultural Musiqueando, en colaboración coa Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo, o Concello de Ribadeo, a Vicepresidencia Primeira da Deputación e máis a asociación Amadores da Música, organizan os vindeiros 9 e 10 de xullo un obradoiro de técnica Alexander dirixido a ensinantes de música ou intérpretes, xa sexan de canto, instrumentistas ou vencellados ás artes escénicas. Esta actividade será impartida por Marta Vázquez, profesional acreditada para impartir técnica Alexander.

O obxectivo desta actividade é que as persoas participantes sexan capaces de empregar o seu corpo con máis soltura e menos rixidez, sendo a técnica Alexander unha práctica esencial na aprendizaxe tanto das artes escénicas coma musicais. A través da técnica Alexander preténdese conseguir que as persoas que se acheguen ao obradoiro sexan quen de redirixir a tensión innecesaria e máis a rixidez muscular, propiciando unha interpretación máis fluída e máis viva axudando a un mellor resultado final. Tamén axuda a desprenderse das tensións crónicas que se van acumulando ao longo dos anos  e que poden chegar a condicionar o xeito de actuar, de moverse, de cantar ou de tocar un instrumento.

O obradoiro que se vai celebrar en Ribadeo está dividido en dous días (15 horas), en horario de mañá e tarde, e con práctica tanto grupal coma individual con sesións de 45 minutos nas que a docente analizará as necesidades específicas de cada persoa participante co obxectivo de dar resposta ás mesmas.

A data límite para a inscrición é o luns 2 de xullo e ten un custe de 50€ para o público xeral e de 35 para o alumnado e profesorado da EMMeD de Ribadeo, músicos/as da BMR, persoas desempregadas ou familias numerosas.

Podes solicitar máis información no teléfono 982.130.856.

FICHA DE INSCRICIÓN

Ribadeo acollerá a celebración dun obradoiro de técnica Alexander
Compárteo!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *