A EMMeD de Ribadeo celebra o festival fin de curso

A Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo celebrará este sábado, 23 de xuño, ás 19.00 horas no auditorio municipal “Hernán Naval” o seu tradicional festival fin de curso.

Por riba do escenario pasarán un total de nove agrupacións formadas por alumnas e alumnos de centro que desta volta nos farán viaxar, a través da música e a danza, aos anos 60, 70 e 80. Temas de grupos clásicos coma El Consorcio, BoneyM, Los Bravos ou os Village People xúntanse con pezas de solistas que foron números 1 no momento: dende Nino Bravo a Concha Velasco ou Gloria Gaynor, pasando polos ritmos que fixo famosa a película Fama.

O director da EMMeD de Ribadeo, Hugo García Presno, anima á xente vencellada ao centro e máis a todas e todos aqueles que gusten da música “a participar nun festival que un ano máis volve ser especial porque de novo ten un fío condutor, desta volta histórico, que nos aproximará, da man da música e máis da danza, ao que aconteceu nas décadas dos 60, 70 e 80”.

Con esta actividade, a EMMeD de Ribadeo pecha un curso 2011-12 do que García Presno fai un balanzo “moi positivo e agradece por elo o traballo e o esforzo realizado polas profesoras e profesores do centro, pola concellaría de Cultura e, por riba de todo, polas alumnas e alumnos do centro”.

A EMMeD de Ribadeo contou neste ano académico que remata con 300 alumnos e alumnas matriculados. Durante esta semana e até o 29 de xuño está aberto o prazo de matrícula para quen desexe continuar estudos, en horario de 16.00 a 20.00 horas; as matrículas novas poderán efectuarse entre os días 1 e 15 de xullo entre as 10.00 horas e as 13.00 horas.