A EMMeD de Ribadeo estrea unha aplicación informática para achegar información do centro ao alumnado e ás familias

A Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo está de estrea. En pasados días comezou a funcionar un sistema de mensaxería instantánea que facilita a comunicación do centro co alumnado e as familias de maneira máis rápida, eficaz e segura. “O que pretendemos é dar un paso adiante na calidade das comunicacións entre o centro, o alumnado e as familias. Avisos, notas, anuncios, etc. que até o de agora faciamos en papel, agora chegaran aos teléfonos móbiles ou aos ordenadores das alumnas e alumnos e dos seus pais e nais de xeito máis rápido, garantindo a recepción e con total seguridade”, indica Hugo García Presno, responsable da Escola. “Incluso poderemos saber, en todo momento, se a comunicación foi lida e incluso se pode responder dende a propia aplicación”, engade. Este sistema, TokAppSchool, “ten un custe anual moi inferior ao gasto que facemos actualmente en papel, impresións e correspondencia”. O centro ribadense será pioneiro entre as escolas de música da provincia en dispor deste servizo e atópase entre a ducia de escolas galegas que xa o empregan.

Con relación á seguridade, un dos aspectos que acostuma a preocupar máis tanto ao centro como ao resto da comunidade educativa, as mensaxes son encriptadas e cumpren coa lexislación vixente en materia de protección de datos. “O camiño da implantación de novas propostas tecnolóxicas na escola leva xa tempo presente e este é un paso máis que nos permite continuar ofrecendo un servizo diferenciador e de profesionalidade na atención ás alumnas e alumnos”, apunta García Presno. Deste xeito, o responsable da Escola confía en poder eliminar as comunicacións en papel, reservando este medio tan só para a publicación dos correspondentes anuncios no taboleiro do que dispón o centro.