A EMMeD de Ribadeo pecha cun festival o curso 2018-2019

A Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo vai camiño de pechar  o curso do seu vixésimo quinto aniversario. Faráo de xeito oficial este sábado. “Como vinte cinco anos non se cumpren cada día, queremos facer un festival de fin de curso aberto a toda a cidadanía, de aí que o realicemos no Parque de San Francisco ás 18:00 horas”, sinala Hugo García, responsable da EMMeD de Ribadeo.

Hugo García salientou que o festival será “un ano máis unha caixa de sorpresas”. “Este ano decidimos romper coa idea dun festival temático, tal e como viñamos facendo até o de agora, porque cremos que a ocasión o merece e que os 25 anos da Escola había que celebralos con actuacións especiais, con presenza de xente que pasou polo centro durante este tempo”, engadiu.

“Será, unha vez máis, un festival que non deixará a ninguén indiferente. Tentamos sorprender á xente cun festival concibido para que o desfruten non só no plano musical, que por suposto que o farán, senón tamén na ambientación, nas presentacións…”, apunta Hugo García. “O único que nos falta agora é que o tempo nos bote unha man pois senón verémonos obrigados a trasladar as actividades ao auditorio”, comentou García Presno.

O director do centro valora de maneira “moi positiva” o curso 2018-2019 e considera que é preciso seguir traballando “tal e como o vimos facendo até o de agora para manter e aumentar o nivel formativo e máis a calidade das actividades que organizamos”. O centro aumentou o número de matrículas, con preto de 380 persoas inscritas, e mantivo o número de docentes, trece.

A dirección da EMMeD de Ribadeo xa traballa na preparación do curso 2019-2020 no que non haberá grandes cambios. Antes de pechar o mes de xuño, a EMMeD de Ribadeo celebrará unha xornada de portas abertas na que o profesorado do centro explicará as

distintas disciplinas que se imparten no centro, incluíndo unha pequena case práctica. Será o día 26 de xuño entre as 17:00 e as 19:00 na sede da propia Escola.

Así mesmo, os días 24, 25 e 26 de xuño a EMMeD achegarase a varias parroquias ribadenses para ofrecer pequenos concertos.