A EMMeD de Ribadeo convértese no primeiro espazo público cardioprotexido do concello de Ribadeo

En pasados días colocouse no centro o primeiro desfibrilador semiautomático de uso público neste concello. “O que pretendemos é dar un paso adiante en seguridade e protección, xa que tanto alumnado como profesorado e as familias pasan moitas horas no centro. Así mesmo cremos que a ubicación do mesmo nesta instalación, a carón do parque municipal e en pleno centro da vila, é idónea para se fose o caso, ter que saír co DESA”, indica Hugo García Presno, responsable da Escola. “Pensando nesa opción de mobilidade, en lugar de colocarse fixo nunha parede, dotouse dunha mochila que fai que sexa fácil o seu transporte ante calquera actuación”, engade. O centro ribadense será pioneiro entre as escolas de música do país en dispor deste servizo.

 

Con relación á seguridade, un dos aspectos que acostuma a preocupar máis tanto ao centro como ao resto da comunidade educativa, era unha idea coa que se levaba tempo traballando e que finalmente se conseguiu. “O camiño da implantación de novas medidas de seguridade na escola leva xa tempo presente e este é un paso máis que nos permite continuar ofrecendo un servizo diferenciador e de profesionalidade na atención ás alumnas e alumnos. Todos estes avances non serían posibles sen o apoio da Concellaría de Ensino que fixo o esforzo para cubrir esta necesidade”, apunta García Presno.

O profesorado do centro foi formado  en primeiros auxilios e uso do DESA garantindo así o seu correcto manexo.