O libro Vou canso de todo menos da música. Escolma de artigos de Hernán Naval, editado pola asociación cultural Musiqueando, coa colaboración da área de Cultura da Deputación de Lugo e máis da delegación de Cultura do Concello de Ribadeo pode recollerse de xeito gratuíto nas dependencias da Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo.
Saíron do prelo 1.000 exemplares que serán distribuídos, alén daquelas persoas que o pidan, ás bibliotecas de conservatorios, escolas de música, bandas de música e universidades así como aos centros de ensino da localidade.
A asociación cultural Musiqueando amósase “moi satisfeita” polo resultado final acadado e disponse “a seguir traballando arreo para continuar coa recuperación da obra escrita e musical de Hernán Naval”. A edición deste libro ten como obxectivo “reivindicar a vixencia do pensamento e máis do xeito de traballar de Hernán así como a súa concepción do ensino musical ou da política cultural”.
Vou canso de todo menos da música. Escolma de artigos de Hernán Naval foi froito do traballo desinteresado dun grupo de persoas (Chenchu, Marigel, Antonio Gregorio, Aurora, Coté, Hugo, Vanesa, Luís, Xavier Campos, Teresa, Mariluz, e Fuji) a quen a asociación cultural Musiqueando quere reiterar “o máis sincero agradecemento”.
O vindeiro xoves 24 de novembro, a asociación Mariña Patrimonio organiza unha presentación do libro en Viveiro, localidade natal de Hernán Naval.