A Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo é un centro de ensino musical que depende da delegación de Ensino do Excmo. Concello de Ribadeo. Nace no outono de 1993 en base a unha orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 11 de marzo dese mesmo ano que se publica no Diario Oficial de Galicia do 22 de abril. Nela adáptase a Galicia a normativa sobre escolas de música recollida na LOXSE que outorga aos centros deste tipo unha serie de características que os afastan dos conservatorios tradicionais. Alén de lugar de aprendizaxe musical, as escolas de música teñen como obxectivo ser motor cultural e social do entorno no que se asentan.

Con esta idea como bandeira comeza a funcionar a EMMeD de Ribadeo da man do mestre Hernán Naval Parapar. O modelo de escola que se pon en marcha en Ribadeo sirve de base para a aparición de parte dos centros deste tipo que hoxe existen en Galicia e incluso noutros puntos do Estado. De feito é o propio Hernán Naval o encargado de participar en foros e congresos nos cais dá a coñecer un proxecto que se vai abrindo ao mundo dende Ribadeo.

Dende o seu nacemento, a EMMeD de Ribadeo mantén unha tendencia de matrícula ascendente até chegar aos preto de 350 alumnos e alumnas que ten na actualidade, con idades comprendidas entre os 4 e os 70 anos de idade. Tralo pasamento de Hernán Naval, a EMMeD de Ribadeo ten como directores a José Luis Álvarez, Bernardo Méndez, Lourenço Cruz, David Ballester e ao responsábel actual do centro, Hugo García.

A EMMeD de Ribadeo ten uns obxectivos claros dende a súa posta en marcha: fomentar a afición á práctica da música e máis da danza e preparar ás alumnas e alumnos máis dotados e vocacionais para o acceso aos estudos de grao profesional nun Conservatorio. O centro comparte o lema da EMU (European Music School Union) de “Música para todas e todos, todas as músicas” de xeito que fomenta o achegamento á música e á danza clásicas mais tamén ao rock, o jazz, a música tradicional, a danza contemporánea… Así mesmo, cúmprese coas orientacións metodolóxicas recollidas na Orde de creación deste tipo de centros que sinalan a necesidade de fomentar a práctica de conxunto, tanto vocal coma instrumental, e a implantación da materia de música e movemento para as nenas e nenos entre os catro e os sete anos. Ao tempo, a EMMeD de Ribadeo promove a aprendizaxe entre o seu alumnado de aspectos transversais na educación como son os valores da solidariedade ou a igualdade entre mulleres e homes a través da realización de actividade extraescolares relacionadas con estes temas.

A oferta académica da EMMeD de Ribadeo inclúe todas as especialidades instrumentais de vento-metal, vento-madeira, corda frotada, percusión, canto, gaita, música e movemento, danza clásica e contemporánea, piano, acordeón, guitarra e baixo eléctrico así como linguaxe musical.