A concellaría de Cultura do Concello de Ribadeo, e no seu nome, Mariluz Álvarez Lastra, así coma o claustro de profesores e profesoras da Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) queren enviar, por medio desta carta, a máis sincera das felicitacións a Martín García Lorenzo como gañador, na modalidade de banda, da IV edición do Concurso de Solistas do Conservatorio Profesional de Música de Lugo.
É un pracer e un privilexio para nós, como responsábeis institucionais ou académicos da EMMeD de Ribadeo, e para o propio centro contar con persoas coma ti entre as nosas alumnas e alumnos. O teu esforzo, a adicación constante ao saxo pero sobre todo as túas cualidades e talento, á marxe de toda dúbida, farán que chegues aló onde ti queiras no mundo da música.
Ogallá continúes gozando da música porque é así, disfrutando mentres van pasando os compases, como se pode facer fronte aos retos que as partituras nos poñen por diante.
Naquelo que precises gustaríanos que soubeses que tes o noso apoio.
Recibe unha forte aperta e, de novo, parabéns.