A EMMeD de Ribadeo celebra o seu festival de Nadal

nadalA Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo celebra este sábado, 15 de decembro, ás 18.00 horas, no auditorio municipal Hernán Naval o seu tradicional festival de Nadal. Por riba do escenario pasarán un total de once formacións integradas por arredor de trescentos alumnos e alumnas do centro.

No repertorio deste ano non faltan as panxoliñas pero tamén hai cabida para outros ritmos coma os valses, a música moderna ou as pezas do repertorio clásico. “O de Nadal é, xunto con fin de curso, o festival que máis éxito ten tanto entre o alumnado coma entre o público de aí que cada ano procuremos ofrecer cousas novas tanto a nivel de repertorio coma de posta en escena”, apunta Hugo García, director da EMMeD de Ribadeo.

Pero, sen dúbida, o aspecto máis destacado do festival de Nadal deste ano é a súa vertente solidaria. Ao longo dos vindeiros días e o propio sábado á entrada do concerto, a EMMeD de Ribadeo realizará unha recollida de produtos de Nadal (turróns, polvoróns, mazapáns…) para entregar ao departamento de Servizos Sociais do Concello co fin de que sexan distribuídos entre familias con escasos recursos da vila e das parroquias. Hugo García convida “a toda a comunidade educativa a que, na medida das súas posibilidades, faga unha pequena achega a esta recollida de alimentos pois cun pouco de cada un de nós podemos axudar a moitas persoas”.

O director da EMMeD de Ribadeo sinalou que “unha das apostas da EMMeD de Ribadeo é achegar durante todo o curso ao alumnado valores que vaian maís aló do estritamente musical de aí a inclusión no currículum académico do centro de aspectos como a solidaridade, a igualdade entre mulleres e homes ou a loita contra a discriminación de todo tipo”.

A EMMeD de Ribadeo porá fin ao primeiro trimestre o 22 de decembro e retomará as clases o 8 de xaneiro aínda que durante as vacacións de Nadal se celebrarán diferentes obradoiros musicais.