Achegamos a nota de prensa que sae estes días nos medios de comunicación:
A Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo vén de iniciar o curso 2017/2018 con preto de 360 alumnos e alumnas matriculados de entre 4 e 70 anos, unha cifra que continúa medrando con respeito aos cursos anteriores e que fai da EMMeD de Ribadeo o centro destas características con maior número de persoas matriculadas na comarca da Mariña e no occidente asturiano. Nos últimos dous cursos o crecemento de matrícula superou as 40 persoas inscritas.
O claustro docente da EMMeD de Ribadeo estará formado por 13 profesores e profesoras, un por cada unha das disciplinas que oferta o centro, o que garante que o alumnado disporá dunha “atención especializada en cada un dos instrumentos ou das materias que imparte a Escola”, segundo apunta Hugo García Presno, responsable da EMMeD de Ribadeo.
Entre as novidades que presenta o centro neste novo curso está a “consolidación das materias relacionadas coa música tradicional, incorporadas recentemente e cunha moi boa acollida por parte do alumnado”, salienta García Presno. Así mesmo, o centro comeza o curso coa vontade de estar moi presente na vida comunitaria e asociativa de Ribadeo, como demostra que fose o espazo escollido recentemente para a presentación do libro Elas de Aurora Marco. “Queremos levar a cabo a nosa programación de concertos tradicional (Santa Cecilia, Nadal, Entroido, concertos didácticos, fin de curso, etc.) pero tamén temos a intención de abrir novos espazos nos que actuar que permitan achegar o traballo feito na Escola a novos públicos e que nos axuden a ligar a música e a danza con aspectos transversais como son a literatura, a historia, a igualdade, a solidariedade…”, apunta Hugo.
O responsable da EMMeD de Ribadeo, amosa a súa “satisfacción porque o número de persoas matriculadas non deixa de medrar o que demostra que o traballo que facemos dende a Escola se está percibindo como positivo por parte do alumnado que repite e tamén polo conxunto da cidadanía, o que fai que novos alumnos e alumnas se animen a formar parte do centro”. García Presno destaca que “tanto o proxecto educativo do centro, unha combinación de ensino teórico con moitas actividades prácticas, coma o plantel docente son as claves para entender o crecemento constante da Escola dende o mesmo momento da súa fundación da man de Hernán Naval”.
Hugo García quixo mostrar o apoio tanto do claustro da Escola como do Concello de Ribadeo. “É clave o apoio institucional, sobre todo en momentos de incertidume económica, para poder tirar adiante o proxecto da Escola e a súa actividade e tamén é moi importante contar cun corpo de profesores e profesoras que crean no proxecto e que teñan vontade de tiralo para diante”.