Este sábado, 11 de maio, ás 20:00 horas terá lugar un concerto da banda de gaitas Sons da Chaira. Será na Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo e enmárcase nos actos do XXV aniversario da EMMeD.
Esta xove banda de gaitas fundada no ano 2014, está dirixida por Brais Monxardín e Miguel Anxo López “Chino”, e fórmana uns 35 compoñentes pertencentes ás Escolas de Música de Rábade, Begonte e Outeiro de Rei.
Pese á súa curta vida, participou nos anos 2016 e 2017 no Festival de Ortigueira así como en actuacións en numerosas cidades do país. No ano 2018 foi seleccionada para representar a Galicia no prestixioso Festival Intercéltico de Lorient (Francia), onde acadou unhas inmellorables críticas pola súa calidade musical.
O repertorio de Sons da Chaira baséase na interpretación, respectando na medida do posible, a esencia e o estilo da música tradicional da provincia de Lugo, incluíndo tamén obras e arranxos de creación propia que lles permiten obter un toque de orixinalidade.