A EMMED de Ribadeo celebra o seu Festival de Nadal cunha forte aposta pola solidariedade

A Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo celebrará este sábado, 13 de decembro, ás 11:30 e ás 18:00 horas no Auditorio Municipal Hernán Naval, o seu tradicional Festival de Nadal. A sesión matinal contará coa participación do alumnado máis pequeno, mentres que na quenda da tarde actuarán as grandes agrupacións das distintas especialidades instrumentais e de danza.
 
O programa incluirá panxoliñas e outras pezas de música moderna e tradicional. Desde a dirección destacan que “o Festival de Nadal é, xunto co de fin de curso, o que máis éxito ten tanto entre o alumnado coma entre o público, por iso cada ano apostamos por incorporar novidades no repertorio e na posta en escena”.
 
Un ano máis, o evento terá unha importante dimensión solidaria. Entre hoxe, día 9, e o sábado a Escola recollerá produtos típicos do Nadal (turróns, polvoróns, mazapáns…) para entregar ao departamento de Servizos Sociais do Concello, que os distribuirá entre familias con escasos recursos.
Desde a EMMeD sinalan: “agradecemos de antemán a colaboración da veciñanza, porque cada pequena achega contribúe a mellorar estas datas para moitas persoas”.
 
A EMMeD lembra que a formación en valores é parte esencial do seu proxecto educativo: “ao longo de todo o curso traballamos a solidariedade, a igualdade e o respecto, aspectos fundamentais para o desenvolvemento integral do alumnado”.