Profesorado da EMMeD participa nunha iniciativa solidaria e cultural

Profesores e profesoras da Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo protagonizaron recentemente unha iniciativa solidaria e cultural ao ofrecer cadansúa actuación no Centro de Día A Concordia e no Hospital Público da Mariña.


O proxecto busca sacar a música e a danza das aulas para integralas no tecido social, achegando os seus beneficios emocionais a colectivos que, por diversos motivos, non poden desprazarse aos escenarios habituais. Durante estas visitas, o profesorado interpretou un repertorio variado que logrou crear unha atmosfera de acompañamento e ledicia tanto para as persoas usuarias do Centro de Día como para as do Hospital.


A actividade contou coa colaboración activa do persoal sanitario e asistencial.


Desde a dirección da Escola sinalaron que “esta actividade forma parte do compromiso do centro coa función social da arte. A música e a danza non son só disciplinas académicas, senón ferramentas potentes para mellorar o benestar e a calidade de vida das persoas, especialmente en contextos de coidados ou recuperación da saúde”.


A boa acollida desta iniciativa reafirma a vontade da Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo de continuar colaborando coas institucións públicas e sociais da comarca, levando adiante proxectos que conecten o bo facer dos seus docentes coa realidade e as necesidades da veciñanza.