Inicio do curso 2026/2027

A Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo deu comezo ao curso 2026/2027 cunha matrícula que se mantén en cifras moi parecidas ás do ano anterior, uns 360 alumnos e alumnas, o que lle permite seguir consolidándose como o centro con máis alumnado da Mariña e do occidente de Asturias.

Un total de 13 docentes impartirán as distintas disciplinas musicais e de danza que ofrece o centro, cunha atención especializada e próxima a cada estudante.

O responsable da EMMeD, Hugo García Presno, explica que “o éxito da Escola reside na combinación de teoría e práctica, no compromiso do profesorado e nun proxecto educativo que transcende a aula: queremos que o alumnado suba ao escenario, participe en actividades e sexa parte activa da vida cultural de Ribadeo”.

Ao longo dos próximos meses, a EMMeD volverá sumarse a eventos e colaboracións coa comunidade local para amosar o talento e o esforzo do seu alumnado. “O noso obxectivo é que a música e a danza cheguen a toda a vila e sigan sendo unha ferramenta para educar en valores como a igualdade, a colaboración, o respecto ou a empatía”, engade García Presno.

Desde a EMMeD agradecen tamén o apoio do Concello de Ribadeo e a implicación do equipo docente: “Sen eles, este proxecto non sería posible. É un traballo colectivo que se reflicte nos resultados e na confianza da veciñanza”.