A EMMeD conmemora o 25N convertendo a entrada do centro nunha gran partitura colectiva contra a violencia de xénero

Co gallo da conmemoración do 25N (Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller), a Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) pon en marcha a iniciativa artística e pedagóxica «Notas pola Igualdade: Mural Musical», unha proposta colaborativa destinada a implicar a toda a comunidade educativa na loita contra a violencia machista.

O eixe central da actividade sitúase no propio vestíbulo da escola, onde se instalou un gran taboleiro cun pentagrama xigante acompañado dun punto de participación con figuras musicais de cartulina morada. Ao longo de toda a semana, tanto o alumnado como as familias que se acheguen ao centro poderán escribir mensaxes, reflexións, letras ou títulos de cancións con mensaxes de empoderamento para ilas incorporando á partitura común.

Desde a Dirección da EMMeD destacan que o obxectivo desta intervención é transcender a formación puramente técnica e converter a música nun vehículo de transformación social: “Queremos que a nosa escola sexa un espazo vivo de concienciación onde a música sirva para romper o silencio fronte ás violencias e para construír, nota a nota, unha convivencia baseada no respecto e na igualdade”.

A actividade permanecerá aberta desde o 18 até o 25 de novembro, convidando a toda a veciñanza e ás familias a achegarse pola escola para deixar a súa pegada neste mural colectivo.