Alumnado da EMMeD participa no encontro “No Bico un Cantar. Nenas e nenos cantan á Terra Chá”

A Escola Municipal de Música e Danza (EMMD) de Ribadeo participará nunha das citas musicais e culturais máis significativas do calendario galego: o encontro No bico un cantar. Este venres, 5 de xuño, unha delegación de nenos e nenas do centro ribadense desprazarase ata Vilalba para sumar as súas voces ás de centos de alumnos e alumnas procedentes de diversos conservatorios e escolas de música de toda a comunidade.


Esta iniciativa, promovida polo Consello da Cultura Galega en colaboración coa Xunta de Galicia, celebra a súa edición de 2026 baixo o lema Nenas e nenos cantan á Terra Chá. O obxectivo desta convocatoria é trasladar a paixón pola música culta e a poesía galega a través das voces máis novas, que estarán acompañadas polo prestixioso sexteto de metais Hércules Brass, baixo a dirección do mestre Maximino Zumalave.


Dende a dirección da EMMD de Ribadeo salientan a importancia de que o alumnado participe neste tipo de encontros colectivos: “para a nosa escola é unha oportunidade única de convivencia musical e de posta en valor da nosa lingua e literatura a través do canto coral”. 


O concerto, que é de balde e aberto a todo o público, está previsto para as 17:30 horas na eescalinata da Rúa das Pedreiras, ao lado do Auditorio Carmen Estévez. En caso de que a meteoroloxía sexa adversa, a organización trasladará o evento ao interior do auditorio vilalbés.


No bico un cantar naceu no ano 2013 e dende entón percorreu vilas como Santiago (dedicado a Rosalía), Celanova (Curros Enríquez), Mondoñedo (poetas mindonienses) ou Ribadavia (Xeración Nós), entre outras.