A EMMeD de Ribadeo pecha cun festival o curso 2013-2014

cartel escuela1-page-001A Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo vai camiño de pechar o curso do seu vixésimo aniversario. Faráo de xeito oficial este sábado, a partir do mediodía cunha xornada de confraternidade entre toda a comunidade educativa do centro na área recreativa de Santa Cruz. “Como vinte anos non se cumpren cada día, queremos facer do festival de fin de curso unha actividade que vaia máis aló do propio concerto”, sinala Hugo García, director da EMMeD de Ribadeo. Para elo programaron unha serie de actividades en Santa Cruz que comezan ao mediodía cun xantar campestre seguido dunha mostra de xogos tradicionais e máis o concerto que marcará o punto e final do curso 2013-2014, o ano no que a EMMeD cumpriu 20 anos.

Máis aló das actividades complementarias ao concerto, Hugo García salientou que o festival será “un ano máis unha caixa de sorpresas”. “Este ano decidimos romper coa idea dun festival temático, tal e como viñamos facendo até o de agora, porque cremos que a ocasión o merece e que os 20 anos da Escola había que celebralos con actuacións especiais, con presenza de xente que pasou polo centro durante estas dúas décadas, con colaboracións especiais…”, engadiu.

“Será, unha vez máis, un festival que non deixará a ninguén indiferente. Tentamos sorprender á xente cun festival concebido para que o desfruten non só no plano musical, que por suposto que o farán, senón tamén na ambientación, nas presentacións…”, apunta Hugo García. “O único que nos falta agora é que o tempo nos bote unha man pois senón verémonos obrigados a trasladar as actividades ao auditorio”, comentou García Presno.

O director do centro valora de maneira “moi positiva” o curso 2013-2014 e considera que é preciso seguir traballando “tal e como o vimos facendo até o de agora para manter e aumentar o nivel formativo e máis a calidade das actividades que organizamos”. O centro mantivo o número de matrículas, con preto de 300 persoas inscritas, e máis o número de docentes, catorce.

A dirección da EMMeD de Ribadeo xa traballa na preparación do curso 2014-2015 no que non haberá grandes cambios. Antes de pechar o mes de xuño, a EMMeD de Ribadeo celebrará unha xornada de portas abertas na que o profesorado do centro explicará as distintas disciplinas que se imparten no centro, incluíndo unha pequena case práctica. Será os días 25 e 26 de xuño entre as 16:00 e as 20:00 na sede da propia Escola.