A EMMeD de Ribadeo amosa a súa satisfacción pola participación da charanga do centro no desfile do Entroido

Pouco a pouco, o entroido vaise convertindo nunha data marcada en vermello no calendario da Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo. E non porque se trate de datas non lectivas, que tamén, senón porque a participación de profesoras/es, alumnas/os, nais e pais nos actos que por estas datas se celebran na vila estase convertindo xa nun clásico.

Por cuarto ano consecutivo, e no marco das actividades académicas do centro, a Escola de Música e Danza de Ribadeo dispuxo unha charanga acompañada de danza para participar no desfile de entroido que se celebrou na tarde do pasado martes 21 de febreiro. “Cómpre resaltar a importancia deste tipo de actividades como un xeito máis de unir a toda a comunidade educativa que se artella arredor da Escola, dende as nais e pais até o claustro de profesores e profesoras pasando, obviamente polo alumnado que é o protagonista deste tipo de propostas”, sinala Hugo García, director do centro. Durante un mes estiveron preparando tanto as pezas a interpretar como a coreografía e máis o disfrace, ambientado nos looks das discotecas dos 60-70 que luciron no desfile. Hugo García quixo agradecer “o esforzo de todas e cada unha das persoas que participaron pois foron moitas tardes de sábado de ensaio e o compromiso foi total e absoluto”.

Unha vez rematado o Entroido, a Escola continúa co seu calendario de actividades. No horizonte xa se albisca a celebración de novos concertos, festivais e audicións.

A EMMeD de Ribadeo amosa a súa satisfacción pola participación da charanga do centro no desfile do Entroido
Compárteo!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *