Galician Connection. Xornadas de músicas do mundo

A Cidade da Cultura de Galicia pon en marcha do 11 ao 13 de abril Galician Connection, tres xornadas dedicadas á World Music que pretenden converterse nun espazo para o encontro e a interacción cultural. Coordinada pola artista Cristina Pato, e coa participación especial do recoñecido músico cubano Paquito D´Rivera, unha das grandes figuras da música cubana, fundador do grupo Irakere con Chucho Valdés e gañador de doce Grammys, esta enriquecedora viaxe polas músicas do mundo inclúe un programa formativo, charlas e debates e un concerto de clausura no Museo de Galicia.

Ao longo de tres días, o Gaiás reunirá a corenta músicos galegos e mestres doutras latitudes para establecer un diálogo cultural creativo a través da música. Compartindo experiencias nestas xornadas estará un dos máximos expoñentes da cultura tradicional chinesa e posuidor de varios Grammys, Wu Tong; o mestre de táboa india Sandeep Das; unha das figuras máis influentes dentro do “tango-jazz”, o arxentino Emilio Solla; ademais do músico, arranxista e compositor de jazz cubano Paquito D´Rivera. Como representantes da tradición galega, Galician Connection contará co membro fundador de Berrogüeto, Anxo Pintos, e a que foi a súa voz durante maís dunha década, Guadi Galego.