A Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo realizará este martes, 27 de setembro, ás 20.30 horas no claustro da Casa do Mar, o acto de presentación oficial do novo curso académico 2011-2012. Nel estarán presentes a concelleira de Cultura, Mariluz Álvarez Lastra, o director da EMMeD de Ribadeo, Hugo García Presno e máis as profesoras e profesores que compoñen o cadro docente da Escola para este curso. O inicio regular das clases será o vindeiro luns 3 de outubro.
A EMMeD de Ribadeo impartirá este ano un total de 15 especialidades (linguaxe musical, música e movemento, ballet/danza, canto, frauta traveseira, óboe/fagot, clarinete, saxofón, vento-metal, percusión, acordeón, violín/viola, guitarra, piano e gaita) aos arredor de 300 alumnos e alumnas que fixeron efectiva a súa matrícula para este curso. O director do centro, Hugo García Presno, amosa a súa satisfación pola “estabilidade que ano tras ano presenta o número total de persoas matriculadas no centro o que denota confianza no traballo que se fai na EMMeD de Ribadeo e reforza a ilusión coa que afrontamos este novo curso”. García Presno destaca “o aumento de persoas adultas matriculadas así como o crecente interese na materia de gaita que en tres anos duplicou o número de alumnas e alumnos facendo bo un dos lemas que comparte a Escola: música para todas/os, todas as músicas”.
Segundo sinala o director da EMMeD de Ribadeo o programa académico que se vai desenvolver no centro vai ser semellante ao de anos anteriores “complementando o traballo na aula cos festivais de Nadal, Santa Cilla, as Letras Galegas ou fin de curso, a charanga no entroido, as actividades solidarias ou as audicións co fin de achegar o que facemos ao público”. Entre os obxectivos da Escola ribadense atópase o seguir traballando en dous eixes que se veñen potenciando nos últimos anos: a consolidación das formacións estábeis do centro (orquestra de cámara ou banda infantil, entre outros) e a implicación do alumnado e máis da comunidade educativa (familia, docentes, administración…) en materias transversais presentes tamén no ensino que se ofrece na EMMeD de Ribadeo como son a solidariedade ou a educación para a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes.
Antes do comezo das clases, o luns 3 de outubro, a EMMeD de Ribadeo realizará durante os días 28, 29 e 30 de setembro a fixación de horarios para as materias individuais e máis para as colectivas.