O vindeiro sábado 16 de xuño, de 13 a 14 horas na Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo, Ugia Pedreira e Fred Martins compartirán saber e experiencia con músicos e músicas, artistas locais e xente interesada en participar do encontro.
Presentarán, “Acrobata”, o resultado dunha conxunción artística natural xermolada tras un encontro entre os dous artistas en Rio de Janeiro en 2008.
Tres anos despois daquela unión nace este disco de autor con composicións orixinais e propias de ambos que será lanzado como un exercicio de verticalidade, é dicir, como unha obra que se mira cara dentro e se identifica co sinxelo, o íntimo e o reducido, mostrando sen demostrar. Trátase, pois, dun traballo que navega entre os dous extremos que delimita a sensibilidade e a forza.
A palabra é o unico vestiario deste traballo onde as linguas galega e portuguesa se saudan dun xeito cordial e responsable. É a poesía a auténtica protagonista e a única con poder absoluto en todas estas composicións engalanadas coa música. “Acrobata” é, sen lugar a dúbidas o mellor exemplo pop do achegamento da Música Popular Brasileira (MPB) coa Música Popular Galega (MPG).