Audicións da EMMeD

A Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo impulsa cada curso escolar unha serie de audicións das diferentes disciplinas que ofrece o centro nas que participa boa parte do alumnado da Escola. “Tanto para o alumnado como para as familias cremos que é un momento especial, de poñer en valor o traballo feito dentro da aula e, ao tempo, unha ocasión para achegar máis aló das catro parades da Escola, toda canta actividade leva a cabo o centro”.

Dende esta semana e até o mes de xuño, a EMMeD de Ribadeo ten programadas un total de dez audicións, dirixidas a toda a cidadanía. A audición de vento madeira, este mércores 22 de marzo no Teatro, será a primeira actividade á que seguirán a audición do alumnado de percusión (31 de marzo – Escola), vento metal (19 de abril – Teatro), acordeón (26 de abril – Escola), danza (28 de abril – Auditorio), corda frotada (5 de maio – Escola), guitarra (10 de maio – Teatro), piano (11 de maio – Auditorio), música tradicional (18 de maio – Teatro) e canto (1 de xuño – Escola). Todas as actividades serán ás 20:00 horas e abertas ao público até completar aforo.

 “Estas actividades son parte da programación anual do centro xunto aos festivais, aos concertos nas parroquias… mantendo así unha das características fundacionais do centro, que é o feito de achegar a música ao conxunto de veciños e veciñas da vila e arredores”.