A Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo vén de desenvolver unha xornada de actualización formativa en reanimación cardiopulmonar (RCP) e manexo do desfibrilador externo semiautomático (DESA), dirixida ao seu equipo docente.
A actividade tivo como obxectivo reforzar os coñecementos e habilidades do profesorado ante posibles situacións de emerxencia que se poidan producir nas instalacións do centro, garantindo así unha resposta rápida, coordinada e eficaz ata a chegada dos servizos sanitarios.
A formación, de carácter eminentemente práctico, permitiu ao persoal docente realizar simulacións reais con bonecos e practicar o manexo do DESA, reforzando a confianza e a capacidade de actuación en casos de emerxencia.
Desde a dirección da Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo subliñan que este tipo de iniciativas forman parte do compromiso do centro coa seguridade e o benestar do alumnado, así como coa mellora continua da cualificación profesional do seu equipo humano.
Con esta actualización, a escola continúa a apostar por un entorno educativo seguro, no que a prevención e a preparación ante posibles incidencias constitúen unha prioridade.
