A Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo continúa a levar a súa actividade pedagóxica e artística máis alá das aulas. Nesta ocasión, a Big Band da EMMeD será a encargada de poñer a nota musical á Festa de Fin de Curso da Escola Oficial de Idiomas (EOI) de Ribadeo, que terá lugar o vindeiro mércores, 3 de xuño.
A actuación, que dará comezo ás 19:00 horas nos xardíns da EOI, servirá para que o alumnado da formación amose o traballo desenvolvido durante os últimos meses. Cun repertorio dinámico e pensado para todos os públicos, a Big Band buscará crear un ambiente festivo e de convivencia entre ambas institucións educativas nun marco inmellorable ao aire libre.
Desde a EMMeD salientan a importancia destas colaboracións, que permiten aos alumnos e alumnas de música enfrontarse ao público en diferentes contextos e fortalecer os vínculos co tecido cultural da vila.
A dirección da Escola Municipal de Música e Danza convida a toda a veciñanza, así como á comunidade educativa de ambos centros, a achegarse aos xardíns da EOI para desfrutar desta cita coa música en directo.
