A Escola de Música e Danza (EMMeD) celebrará o vindeiro luns 22 de xuño unha xornada de portas abertas co obxectivo de dar a coñecer as súas instalacións e a súa oferta educativa. O evento terá lugar entre as 16:00 e 18:00 horas.
Durante esta xornada, o profesorado do centro explicará polo miúdo as distintas disciplinas que se imparten na escola. Ademais, as persoas interesadas poderán participar nunha pequena clase práctica de balde, o que supón unha oportunidade única para probar as diferentes materias antes de formalizar a matrícula no centro.
Actividades por idades
Para facilitar a organización e adaptarse ao nivel pedagóxico, as actividades estarán divididas segundo as seguintes franxas de idade:
- Música e movemento: nenas e nenos nados entre os anos 2019 e 2022.
- Práctica instrumental: nenas e nenos nados a partir de 2018, incluíndo tamén persoas adultas.
- Pre-Danza: nenas e nenos nados entre os anos 2019 e 2022.
- Danza clásica ou contemporánea: nenas e nenos nados a partir do ano 2018.
As persoas asistentes non só poderán probar as clases de forma gratuíta, senón que tamén terán a ocasión de visitar as dependencias da escola e resolver calquera dúbida sobre o funcionamento e o proxecto educativo do centro.
Inscricións
Para participar na xornada de portas abertas e nas clases prácticas, é imprescindible realizar unha inscrición previa por motivos de organización. O prazo para anotarse remata o 19 de xuño.
As solicitudes deben enviarse ao enderezo electrónico esmu.municipal.ribadeo@edu.xunta.gal, indicando os seguintes datos: nome e apelidos, data de nacemento, teléfono de contacto e especialidades que se queren coñecer.
