Fran Sieira compañía de danza trae a Ribadeo “Entre Soños”, unha obra de baile e música tradicional galega desde unha visión contemporánea, cun elenco artístico de 3 bailador@s: Fran Sieira, Aida Tarrío e Xisco Feijoó.
“Deste xeito poderemos ver en escena a figura dunha persoa deitada nunha cama para descansar, como se dunha noite calquera se tratase Pero lonxe de conseguilo é invadido por milleiros de pensamentos, soños e inquietudes. Dentro dos seus soños cobra vida esa valentía por conseguir todo o que se propoña, pero tamén ás súas debilidades, medos e frustracións. Unha loita por alcadar ou dar vida a eses soños que nunca puido ou que nunca se atreveu a levar a cabo, á vez que os medos e inseguridades o invaden dicíndolle que non son máis que soños que desaparecerán cando desperte desa cama…
Esta personaxe deixarase levar por ese trasgo malo que lle di que se lance ao abismo, que sexa valente e que faga o que o corazón lle pida, pero que a súa consciencia lle impide, e ao mesmo tempo loitará e/ou deixarase guiar por esa voz da temperanza, da tranquilidade, esa voz que lle fai ser consciente de que non son máis que soños e non poderán ser máis ca iso. Escenificando deste xeito encrucilladas nas que cada un de nós nos vimos envoltos nalgún momento das nosas vidas. Esas gañas por perseguir os nosos soños e inquietudes e eses medos que nos paralizan e non nos deixan avanzar…”
Domingo 17 de marzo ás 17:30 horas no Auditorio Municipal Hernán Naval.
Entrada xeral: 5 € / Reducida: 3 € (estudantes, xubilad@s ou desempregad@s)
Ademais deste espectáculo, o propio Fran Sieira impartirá unha clase maxistral o sábado 16 de marzo, para alumnado de danza da EMMeD maior de 12 anos e na que seleccionará a 8 alumn@s que colaborarán na representación do domingo.