Concerto ‘José Suárez. Suite para unha vida’

JOSE-SUAREZJPEG

A vida e obra do fotógrafo José Suárez (Allariz, 1902- A Guarda, 1974) será obxecto dunha rememoración a través dun ‘concerto híbrido’, cunha obra orixinal que se executará en directo mentres se realizará unha vídeo creación en vivo con fotografías orixinais dixitalizadas de José Suárez. O auditorio Hernán Naval, acollerá este Sábado 23 de abril a interpretación de “José Suárez. Suite para unha vida”, unha composición de Rafael Fernández que homenaxea ao fotógrafo, recoñecido internacionalmente. O concerto, do que se poderá gozar ás 20.00 horas, contará con Rafael Fernández e Virxilio da Silva na guitarra eléctrica, Bleuenn Le Friec na arpa, Álex Salgueiro nos teclados, e Iván Torres na parte visual.

A obra “José Suárez. Suite para unha vida” consiste nun concerto de música orixinal escrita para guitarra eléctrica, arpa e teclado que se executará en directo mentres se realizará unha vídeo creación en vivo con fotografías orixinais dixitalizadas de José Suárez. Baixo a dirección artística do músico Rafael Fernández, esta posta en escena propón un percorrido pola vida e obra do fotógrafo en catro partes, para o que se contou coa colaboración do seu sobriño, Xosé Luis Suárez Canal. Cada una destas catro partes (‘Galicia e os mariñeiros’, ‘Exilio’, ‘ Xapón e a súa espiritualidade’, ‘ Retorno e morte’) está pensada para ofrecer unha dimensión maior do que foi a vida e a obra do fotógrafo. Isto farase grazas a unha música atmosférica e por momentos descritiva sustentada e inspirada nas fotografías, así como no momento vital do protagonista. Tamén se utilizarán pequenos fragmentos de texto do propio Suárez, así como doutros de intelectuais do seu tempo que estiveron presentes na súa vida, como Unamuno ou Blanco Amor, entre outros.