A Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo celebrou, un ano máis ao remate do curso académico, os seus concertos didácticos dirixidos ao alumnado de educación primaria da comarca.
Máis de 300 nenos e nenas participaron nesta actividade, que tivo lugar este mércores, 13 de maio, no Auditorio Municipal Hernán Naval, en dúas sesións ás 10:00 e ás 12:00 horas.
Nesta edición, coincidindo coa semana das Letras Galegas, o programa estivo integramente dedicado á música galega. A proposta, cun marcado carácter didáctico, combinou interpretación musical e narración, permitindo ao alumnado achegarse a diferentes historias e tradicións da cultura galega, con referencias ao mundo celta e a outros elementos do noso patrimonio.
Desde a EMMeD destacan a boa acollida que esta iniciativa recibe cada ano por parte dos centros educativos, consolidándose como unha cita habitual no calendario escolar.
A Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo pechará o curso académico 2025/26 o vindeiro 13 de xuño coa celebración do seu tradicional Festival de Fin de Curso.
