A Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo celebra este sábado, 17 de decembro, ás 12:00 e 18:00 horas no Auditorio Municipal Hernán Naval o seu tradicional Festival de Nadal.
Na función de mañá actuará o alumnado máis cativo da escola e xa na de tarde celebrarase a noite de fin de ano de xeito anticipado e que nesta ocasión ten como temática central unha gala de ano vello no que non faltarán as uvas, o cotillón, as badaladas e moitas outras sorpresas coa música e a danza dos alumnos e alumnas do centro como banda sonora.
“Cada ano aventurámonos en novas propostas manténdonos fieis a tres piares: tentamos facer boa música e boa danza, que as alumnas e alumnos que participen no festival desfruten e aprendan enriba do escenario e que a xente que se achega ao auditorio o pase o mellor posíbel”, sinala Hugo García, responsable da EMMeD de Ribadeo.
O claustro de profesoras e profesores do centro pide “a maior participación da xente para facer deste adianto do remate de 2022 unha verdadeira festa de fin de ano traendo uvas, uns figos, pasas ou o que vexan para acompañar as doce badaladas que non faltarán no Auditorio Municipal e para entrar co mellor dos pés posíbeis no Nadal e máis no ano vindeiro”.
Pero, sen dúbida, o aspecto máis destacado do festival de Nadal, tal e como acontecera en cursos anteriores, é a súa vertente solidaria. Ao longo de toda a semana, desde o hoxe luns, día 12, e ata o venres 16, a EMMeD de Ribadeo realizará unha recollida de produtos de Nadal (turróns, polvoróns, mazapáns…) para entregar ao departamento de Servizos Sociais do Concello co fin de que sexan distribuídos entre familias con escasos recursos do concello. Hugo García agradeceu de antemán “a toda a comunidade educativa que, na medida das súas posibilidades, fixo unha achega a esta recollida de alimentos, pois cun pouco de cada un de nós axudaremos a moitas persoas”.
O responsable da EMMeD de Ribadeo sinalou que “unha das apostas da EMMeD de Ribadeo é achegar durante todo o curso ao alumnado valores que vaian máis aló do estritamente musical de aí a inclusión no currículo académico do centro de aspectos como a solidariedade, a igualdade ou a loita contra a discriminación de calquera tipo”.