A Big Band da Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo actuará o vindeiro mércores, 29 de outubro, ás 19:00 horas no Auditorio do Conservatorio de Música do Occidente de Asturias, en Luarca.
Este concerto enmárcase dentro do programa de colaboración e intercambio cultural que a EMMeD mantén con diferentes escolas e conservatorios da contorna, e supón unha nova oportunidade para fortalecer os lazos musicais e educativos entre Galicia e Asturias.
A Big Band ofrecerá un repertorio variado que incluirá temas clásicos do jazz, soul e funk, así como arranxos actuais preparados especialmente para esta ocasión. O público poderá gozar do son característico deste tipo de formacións, nun concerto que combina enerxía, calidade interpretativa e espírito formativo.
A Big Band da Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo está composta por alumnado e profesorado do centro, e consolidouse nos últimos anos como unha das agrupacións máis activas da escola, participando en diversos festivais e encontros.
A entrada ao concerto será libre ata completar aforo.
