A EMMeD de Ribadeo acolle a presentación do libro Vou canso de todo menos da música-Escolma de artigos de Hernán Naval

A Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo acollerá este vindeiro sábado, 12 de novembro ás 13.00 horas, a presentación do libro Vou canso de todo menos da música-Escolma de artigos de Hernán Naval editado pola asociación cultural Musiqueando coa colaboración da delegación de Cultura do Concello de Ribadeo e máis da área de Cultura da Deputación de Lugo.

No libro, editado co gallo do décimo aniversario do pasamento do que fora director da Banda Municipal de Ribadeo (BMR) e máis da Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) da vila, recóllense once artigos publicados en prensa e revistas e máis catro programas de man de diferentes concertos da BMR.

O acto está aberto ao público e no mesmo entregarase ás persoas asistentes un exemplar dun libro no que se pretende render homenaxe á figura e ao pensamento de Hernán Naval, fundador e director da EMMeD de Ribadeo e director da BMR até o seu pasamento en 2001.